Que é?
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.
A través deste programa, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.
Deste xeito as bibliotecas reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporcionan.
![Sala de lectura infantil](images/lcm1_new.jpg)
Cal é a súa finalidade?
![Sala de lectura](images/lcm2_new.jpg)
Ler conta moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Con este programa preténdese:
- Fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación.
- Fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
- Consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.
- Promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo.
- Valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.
Quen o promove?
Ler conta moito é un programa promovido pola Dirección Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (Xunta de Galicia), que financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que participan no programa cofinancian o 25% restante destes custos.
![Sala de lectura](images/lcm3_new.jpg)
Como se desenvolve?
Catálogo de actividades
Anualmente, a Secretaría Xeral de Cultura abre unha convocatoria pública para acoller a proposta de actividades de dinamización da lectura realizadas por profesionais ou colectivos con experiencia neste ámbito que desexen participar no programa.
A partir do banco de propostas, constrúese o catálogo de actividades que resulten axeitadas para os obxectivos e requirimentos do programa.
Tanto as convocatorias e as bases para participar como o catálogo de actividades seleccionadas publícanse no portal da Rede de Bibliotecas de Galicia.
![Sala de lectura infantil](https://lercontamoito.xunta.gal/images/lcm4.jpg)
Bibliotecas participantes
As bibliotecas públicas integrantes da Rede de Bibliotecas de Galicia que desexen desenvolver actividades de fomento da lectura poden acollerse a este programa, solicitando as subvencións que se convocan anualmente con esta finalidade.
Calendario de actividades
Coa programación de todas as bibliotecas participantes elabórase o calendario de actividades, que se publica na web da Rede de Bibliotecas de Galicia e no Portal de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O acceso ás actividades é aberto e gratuíto, se ben algunhas delas requiren inscrición previa, por motivos de organización.
No blog do programa Ler Conta Moito atópase un resume do realizado, da man das bibliotecas organizadoras.